A debate en Lugo o uso da web 2.0 nas empresas

mércores, 21 de outubro do 2009 Raquel Noya

A Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE), na súa teima por levar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación ás empresas do país, sobre todo ás máis pequenas e con menos vantaxes no mercado, continúa organizando charlas para emprendedores e empresarios da provincia de Lugo, dentro do seu Proxecto EmprendeTIC 2009.
Este xoves 22 de outubro, en concreto, vai ter lugar o relatorio Web 2.0 ¿moda ou realidade empresarial, a sexta das sete xornadas programadas, na que se examinará unha das consideradas novas vías para os negocios: a web 2.0 ou segunda xeración de tecnoloxía web, baseada nas comunidades de usuarios e no intercambio de información.
Se os clientes se relacionan entre eles a través de blogs, foros e redes sociais, convén ir ao seu encontro usando as mesmas canles de comunicación. Sobre esta idea falarán Juan Carlos Díaz Fernández, da empresa lucense Innova Galicia Networks Solutions (IGN), dedicada á dotación de servizos tecnolóxicos; Mariano Munuera, de BAP Interactive, a división para os proxectos multimedia da axencia de comunicación BAP & Conde; e Rodolfo Alonso Albella, socio director da primeira rede social xurídica de fala hispana, Pleiteando.com.
A xornada, que dará comezo ás 19:00 horas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, rematará co sorteo entre os asistentes dun disco duro multimedia Conceptronic cargado con varios aplicativos libres cos que poder montar unha rede social.