A galega Docuten leva os seus servizos dixitais a Europa

venres, 26 de xaneiro do 2018 Redacción

Docuten, a marca da firma galega Enxendra Technologies, vén de dar o chimpo cara ao mercado internacional. E faino logo da súa salientábel andaina no mercado español, achegando servizos TIC avanzados a compañías do talle de Desigual ou o Grupo Planeta. Segundo puidemos saber, a firma Docuten estreou presenza en Reino Unido, Alemaña, Francia e Polonia, que son os primeiros países nos que ofertará os seus servizos dixitais. Docuten, que quere a actividade internacional supoña o terzo da súa facturación ao cabo de tres anos, desenvolverá o seu labor cos socios locais nos ditos mercados.
A finalidade da empresa coruñesa é crear unha marca afianzada que fortaleza o traballo realizado nestes anos (dende os comezos en 2009) e continuar o seu proceso de espallamento. Tamén anunciou que en datas vindeiras lanzará ao mercado un servizo que integra facturación e sinatura electrónica. Ao abeiro desta fase de expansión internacional, Docuten ten o obxectivo de integrarse no proxecto PEPPOL (Pan-European Public Procurement Online) un estándar europeo cunha plataforma de seu destinada a garantir a total interoperabilidade entre servizos electrónicos de aprovisionamento e facturación (e-Invoicing). A compañía pechou 2017 duplicando a facturación do ano anterior.
Que é Docuten?
Docuten, en palabras dos seus impulsores, é a primeira plataforma que agrupa o servizo de facturación electrónica, sinatura dixital e xestión en liña de toda a documentación dunha entidade. Ademais, na parte que inclúe a facturación electrónica, Docuten intégrase cos puntos xerais de entrada de facturas nas administracións públicas españolas máis importantes, permitindo o envío no formato Facturae. Por outra banda, o servizo de sinatura dixital permite asinar contratos e outros documentos con pleno valor legal a través da web e do móbil.

PUBLICIDADE