A galega TokApp presenta en SIMO o seu servizo para solucionar pagos no colexio

martes, 13 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

TokApp School, a ferramenta galega de comunicación para contornas escolares (nas que favorece a solución de incidencias e achega rapidez e eficacia no intercambio de datos, contidos, mensaxes), está este outono estreando unha importante novidade na súa listaxe de funcionalidades. Trátase dun novo servizo destinado a permitir ás nais e aos pais a realización dos diferentes pagos relacionados co colexio dos seus fillos. Por exemplo, todas aquelas contías ligadas a excursións, comedores ou transporte. A nova funcionalidade estrearase en SIMO Educación, o salón de tecnoloxías docentes que se celebra esta semana (dende hoxe até pasadomañá, no IFEMA de Madrid).
Segundo explican os impulsores de TokApp, poñéndonos na orixe da nova funcionalidade, “poucas cousas traen máis dores de cabeza que os pagos pendentes ao colexio, que, malia que adoitan ser cotas pequenas, seguen a discorrer por vieiros tradicionais que obrigan a desprazamentos, recordatorios e incomodidades”. Ou sexa, que se seguen a realizar por medio dos fillos, á vella usanza, ou de maneira presencial na escola por parte da nai ou do pai.
A nova ferramenta consiste basicamente na solución ao devandito ao problema, integrando un novo sistema de pagos nas mensaxes, e facéndoo de maneira simple, sinxela e cómoda.
Segundo informan os responsábeis de TokApp School, que a día de hoxe conecta máis de 3.000 centros educativos cunha comunidade de nais e pais formada por 1.200.000 membros, o sistema posto en marcha é “tan intuitivo coma a propia TokApp”. De feito, trátase do seguinte: o colexio envía unha mensaxe na que pode engadir a opción de solicitar pago, e para isto, só ten que colocar o importe total que necesita e unha calculadora xa divide canto se lle pide a cada pai (proceso que tamén se pode facer á inversa). Logo, a mensaxe chega decontado á familia e esta decide se pagar ou rexeitar. En ambos os casos o colexio ten un historial cun rexistro dinámico dos pagos para poder organizalo. Mesmo para aqueles que pagan en efectivo.
Tras deste desenvolvemento, houbo “moitos meses de test con centros reais para atopar a forma perfecta de solucionar o caso de pagos”, aseguran dende TokApp, engadindo que “o resultado é unha solución integrada nunha plataforma totalmente familiar para os centros”.

PUBLICIDADE