A nova PS Vita inicia a súa chegada a Europa o mes que vén

xoves, 30 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Sony Computer Entertainment anunciou no Reino Unido que tras lanzar o pasado 10 de outubro no Xapón a súa nova PlayStation Vita con Wi-Fi (modelo PCH-2000) prepara o seu desembarco europeo, comezando polos británicos, que poderán facerse con esta nova máquina a partir do 7 de febreiro a un prezo de 180 libras esterlinas (219 euros), pasando a substituír ao modelo actual (PCH-1000), que seguirá á venda ata esgotar unidades.
A nova PS Vita é un 20% máis delgada, un 15% máis lixeira, conta cunha tarxeta de memoria interna de 1 Gb (corrixindo unha importante eiva da portátil orixinal) e mantendo a súa xenerosa pantalla LCD de 5 polgadas. Grazas ao redeseño da consola, o novo modelo mellora a súa autonomía nunha hora de xogo (de xeito que duraría entre 4 e 6 horas) ou dúas de vídeo (chegando ás 7 horas de reprodución continua).
Aínda que o catálogo de xogos para PS Vita continúa a ser moi limitado, o feito de que estea incluída no programa PlayStation Plus e que poida empregarse en combinación coa PlayStation 4 son argumentos que Sony confía que axudarán a que esta portátil con pobres vendas teña aínda moito que dicir.


Vídeo no que comparan os dous modelos existentes da PlayStation Vita

PUBLICIDADE