A nova directora de GAIN contacta con axentes do ecosistema galego de I+D+i
mércores, 29 de maio do 2024
A nova directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, continúa a rolda de contactos con distintos representantes do ecosistema galego de I+D+i para coñecer as súas necesidades e establecer posibles canles de colaboración futuras.
En concreto, esta mañá recibiu ao xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa, para establecer un primeiro contacto co ente encargado da formación, investigación e innovación do sistema sanitario galego. O encontro serviu para identificar sinerxías e establecer posibles liñas de colaboración futuras. Ademais, o xerente de ACIS convidou á directora de GAIN a coñecer os institutos de investigación sanitaria galegos.
Así mesmo, Cotelo reuniuse con representantes do Clúster TIC de Galicia: o seu presidente, Antonio Rodríguez del Corral; o vicepresidente para pemes, Santiago Paz, e Josefina Fernández, en representación da vicepresidencia para grandes empresas. No transcurso da xuntanza, os representantes do sector TIC expuxeron a súa actividade e plans futuros e avaliáronse posibles accións conxuntas.
O venres será a quenda da Real Academia Galega de Ciencias, unha institución que está baixo o protectorado da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.