A nova lexión de deportistas virtuais da Wii xa acusa danos físicos e no mobiliario

mércores, 18 de xullo do 2007 Matías Olazabal

Estrago no mobiliario doméstico visto en Wii have a problem .

A nova lexión de deportistas virtuais da Wii xa acusa danos físicos e no mobiliario A nova consola de Nintendo segue a dar que falar, xa non pola novidade da interface de control, nin polos seus xogos ou vendas, senón polas lesións derivadas do seu uso. Malia que semelle una broma, non son poucas as persoas que aseguran que xogar co Wii Sports (o máis popular até o de agora) foi causa de lesións musculares, roturas de obxectos da casa ou danos a terceiras persoas, case sempre compañeiros de xogos.
O caso é que xogar coa Wii constitúe finalmente un exercicio físico, co que require polo tanto unha certa atención a todos aqueles grupos musculares que serán os encargados de mover o mando sen fíos polo espazo, zona da que será moito mellor afastar aquelas cousas que puideran estar no camiño do percorrido do mesmo.
O primeiro elemento a ter en conta é que, a diferenza dun adestramento deportivo convencional como pode ser o boxeo ou tenis –ambos deportes dispoñibles xa en Wii sports- o que deixaría a unha persoa sedentaria extenuada en pouco máis de vinte minutos, a versión virtual destes deportes permite sesións de xogo moito mais longas que, porén, aínda así esixen moito dos nosos músculos.
Tal é o caso de Jeremy Scherer, programador informático que contou a súa experiencia no Wall Street Journal Online, a cal desembocou nunha dor de ombreiro e costas tras os seus esforzos por mellorar os puntos obtidos no tenis e nos bolos de Wii Sports mentres xogaba coa súa dona. Outro caso recollido no dito medio é o de Ryan Mercer, seareiro de 21 anos que, malia terse adestrado decote nun ximnasio, tampouco puído facer ren por evitar as dores musculares á mañá seguinte dunha sesión de media hora de boxeo na Wii.
Malia que os representantes desta compañía aseguran que non é preciso facer esforzos físicos exaxerados para xogar, e que se poden levar a cabo todos os movementos necesarios para gañar dende un sofá, recoñecen que a experiencia de ficar de pé e emular os movementos reais dunha competencia deportiva é moito máis divertido.
Lámpadas, televisores e ventiladores de teito
Non só os nosos músculos poden sufrir accidentes durante as sesións de xogo, senón que tamén todo aquilo que non afastemos con coidado da zona de xogos poderá ser branco da nosa man ou do mando. No sitio titulado Wii have a problem, un caderno que convida os xogadores a contar as súas experiencias accidentais coa máquina, atópanse mais de 200 casos de accidentes deste tipo, entre os que se inclúen danos a televisores, mandos, terceiras persoas, ventiladores de teito, paredes, mascotas e fiestras, entre outras.
Tal é o caso de quen non fai uso da correa de seguridade do control, e, ás primeiras de cambio o mando sae voando polo ar cara os televisores, as xanelas ou ás mascotas. Polo visto, as correas en cuestión tampouco son moito de fiar, xa que a mesma páxina web de Nintendo tivo que incluír un apartado para ordenar recambios da mesma.
Fóra do problema das correas, as lesións a persoas son as que máis impresionan, e entre elas cómpre salientar o caso dun neno de 7 anos que, nun intento de superar á súa irmá na competencia de lanzamento do martelo (e tras varias reviravoltas para coller pulo) non puído evitar perder o equilibrio e caer de cabeza contra unha mesa. A sesión rematou coa visita a urxencias e catro puntos de sutura na fronte.
Advertencias constantes
Sendo conscientes dos riscos do uso da consola, os representantes de Nintendo inclúen nas instrucións da Wii unha completa listaxe de advertencias sobre o seu emprego. Entre estas, figura a necesidade de facer pausas de 15 minutos por cada hora de xogo, a importancia do emprego da correa de seguridade, e até os riscos de operar a consola durante unha treboada eléctrica. Algúns destes avisos aparecen de xeito reiterado dentro dos mesmos xogos.

PUBLICIDADE