A nova pulseira de actividade de Samsung sae á venda a 49 euros

xoves, 12 de novembro do 2020 Marcus Fernández

As pulseiras deportivas son un produto claramente máis popular que os reloxos conectados, especialmente polo seu prezo moi axustado, e aínda que este prezos reducidos normalmente están asociados a marcas como Xiaomi ou Huawei, dende Samsung tamén teñen produtos nesta liña, como a nova pulseira que vén de pórse á venda en España, a Galaxy Fit2, que axuda a levar un estilo de vida saudable, monitoriza o exercicio físico e incluso lembra practicar con periodicidade o lavado de mans, e véndese a 49 euros, prezo que supón un claro reclamo para os que están dentro do ecosistema de Samsung (xa que esta pulseira pode sincronizarse coa aplicación Samsung Health).
A Galaxy Fit2 promete unha autonomía de até 21 días cun uso habitual (15 días para un uso máis intenso) e, aparte da monitorización deportiva tamén serve para monitorizar o sono (achegando consellos para mellorar o descanso) e tamén detecta de forma automática 5 tipos de actividades (até 90 de xeito manual) para que poidamos gardar un rexistro da nosa actividade física e estado de forma.
Esta nova pulseira de actividade é somerxible até 50 metros, a súa pantalla AMOLED de 1,1 polgadas conta con máis de 70 esferas personalizadas, pode sincronizarse co móbil para recibir notificacións e controlar a reprodución musical e como sensores limítase a contar con acelerómetro, xiroscopio e sensor óptico de frecuencia cardíaca (ou sexa, que aínda non subiu ao carro da monitorización do osíxeno en sangue que está tan de actualidade).

PUBLICIDADE