A nova unidade de memoria de SanDisk integra USB e microUSB

martes, 11 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

SanDisk anunciou hoxe a súa novo Ultra Dual USB Drive, unha unidade de memoria USB que conta cun conector USB 2.0 e cun conector microUSB, facilitando o seu uso tanto nun ordenador como en dispositivos móbiles, e que estará dispoñible en capacidades de entre 16 e 64 Gb con prezos que van dos 19,99 aos 49,99 dólares.
Esta curiosa proposta resulta especialmente atractiva para cargar contidos multimedia dende smartphones e tablets, aínda que grazas a software de SanDisk pode aproveitarse tamén para realizar copias de seguridade dos ficheiros que gardemos nos nosos dispositivos móbiles, facilitando tamén a liberación de espazo neste tipo de dispositivos.
Para xestionar a memoria do SanDisk Ultra Dual USB Drive temos polo momento unha aplicación para Android, SanDisk Memory Zone, que ofrece numerosas funcionalidades para a xestión da memoria, facilitando tanto a realización de copias de seguridade en local como na nube.
Aparte de dispositivos móbiles con Android, a nova unidade de memoria de SanDisk tamén é totalmente compatible con ordenadores PC con Windows XP/7/8 e Mac con OS X con 10.5 ou superior.


Vídeo de presentación da nova unidade de memoria de SanDisk

PUBLICIDADE