A primeira edición do certame Galetiktokers entrega os seus galardóns en Ames

martes, 22 de decembro do 2020 Sandra Rivadulla

A Concellería de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames levou a cabo este ano un novo certame centrado na rede social TikTok, que se resolveu o pasado venres, 18 de decembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O seu obxectivo foi estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas e dar visibilidade á comunidade galega de tiktokers. Deste xeito, participaron mozos de máis de 14 anos, de forma individual ou en parella. Así, establecéronse 2 categorías. A primeira estivo dirixida a nenos/as de entre 14 e 16 anos de idade, mentres que a segunda categoría foi para mozos/as de máis de 17 anos.
Repartíronse en total 4 premios (2 por cada categoría) con valor de 150 euros cada un. As gañadoras da primeira categoría foron Lúa Ardións, coa peza A lingua polo que vale e Alba Valladares Alonso máis Celia Porto Rodríguez polo traballo Tempos de COVID. Na segunda categoría, recibiron o premio Raúl Liñares Domínguez, pola peza Pasando desapercibido, e Iria Curros Espiño co traballo O reencontro dos galegos.
A encargada de repartir os premios foi Escarlata Pampín, a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, aínda que tamén asistiron ó acto as técnicas de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, e de Mocidade, Pilar Villaverde, ademais dos integrantes do xurado do certame: os youtubeiros, o Aquel-e e Olaxonmario, e a presentadora do programa da TVG Dígocho Eu, Esther Estévez.
O que máis se valorou do certame foron os vídeos, tanto na forma como no contido. Para iso, tivéronse en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística. Escarlata Pampín, destacou “a boa acollida que tivo esta nova iniciativa posta en macha este ano”.

PUBLICIDADE