A programación será unha das profesións estrela da XII Feira de Emprego da Cámara da Coruña

xoves, 29 de setembro do 2022 S. P.

A Cámara da Coruña reunirá a máis de 60 empresas con procesos de selección abertos na décimo segunda edición da súa Feira de Emprego, que se celebra o 4 de outubro, en PALEXCO, en horario de 9.30h a 13.30h. Será unha oportunidade para que as mozas e mozos da nosa terra inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil entreguen cadanseus currículos nunha manchea de compañías de diferentes sectores, moitas delas con procesos abertos de aumento de persoal e cunha cantidade importante de contratacións. Entre as profesións máis demandadas atópase a de programador/a.
As empresas e entidades que confirmaron a súa participación ata o momento son Abanca, A ccept@, COGAMI, Aluman, Aluminios Cortizo, Applus, Arce Clima, Areté, Asociación de Empresarios de Bergondo, Bannister Global, Carrefour, Disashop, Domus Vi, El Corte Inglés, Flying Tiger, FUAC, Fuerzas Armadas, Fundación Equipo Humano, Fundación Naru, Fundación Ronsel, Gadisa, Gasthof, Genesal, GI Group, Greenalia, Grupo Clave, Grupo Eulen, Grupo Externa, Grupo Gestán, Grupo Konecta, Grupo Malasa, Grupo Temporing, GT Motive, Hijos de Rivera, IFFE, Imán Temporing, Jevaso, Joyerías José Luis, Kimak, KPMG, Leroy Merlin, LN Consulores, Luckia Mapfre, Michael Page, Micofer, National Netherlanden, Norconsulting, Nordés Ancín, Nortempo, Northius, Nunegal Consulting, Osmos, Primark, Recambios Barreiro, Repsol, Sanitas, Santa Lucía, Synergie, Tecdesoft Texas Controls, Vegalsa-Eroski oU Zemsania.
Estas empresas buscan, en boa parte, perfís cualificados como programadores, enxeñeiros ou especialistas en electromécanica, pero tamén outros como delineantes, persoal de tenda, loxística ou almacén, carpinteiros metálicos ou de madeira, operarios do sector téxtil, etc.
A xornada está deseñada para que os mozos que se inscribiron poidan asistir tamén a seminarios nos que se abordarán estratexias útiles para participar en procesos de selección. Así, responsábeis de Gadisa e Implicatum exporán a visión actual da empresa nos procesos de selección, que buscan, como o fan e como se xestionan os equipos de traballo.
Durante toda a xornada estará dispoñíbel un servizo de asesoramento para aqueles mozos que soliciten información para escoller a que empresa dirixirse e optimizar así a súa participación neste encontro.

PUBLICIDADE