A resposta de Samsung ao Surface Pro 4 chega ao mercado norteamericano

xoves, 17 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Esta semana chega ás tendas norteamericanas un dos equipos máis prometedores, o novo Samsung Galaxy TabPro S, que sorprende porque, pese a levar a palabra Galaxy no seu nome, non se trata dun dispositivo con Android, senón con Windows 10, no que moitos definen como a resposta surcoreana ao Surface Pro 4 de Microsoft.
Estamos ante un equipo cunha pantalla Super AMOLED de 12 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.440 píxeles, cun procesador Intel Core M3 de dobre núcleos a 2,2 GHZ, 4 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento interno (SSD), cámaras frontal e traseira de 5 Mpíxeles, batería de 5.200 mAh (cunha autonomía de até 10,5 horas) con carga rápida (pode cargarse de todo en 150 minutos), conectividade Wi-Fi AC (existindo tamén un modelo con LTE Cat.6), Bluetooth 4.1, USB-C, GPS, un grosor de 6,3 milímetros e un peso de 693 gramos, que como grande diferencia co equipo de Microsoft, en vez de incluír de serie un lapis dixitalizador, inclúe a máis necesaria funda con teclado (de tamaño completo) e touchpad. O prezo deste equipo nos EE.UU. parte dos 899,99 dólares (de xeito que estaría no mesmo rango de prezo que a tableta 2-en-1 de Microsoft), polo que non sería de sorprender que en España vexamos este equipo a un prezo de 999 euros.
Estamos ante un equipo delgado e lixeiro, cunha boa autonomía, polo que sería ideal para o seu uso en mobilidade, e aínda que inicialmente chega ao mercado sen lapis dixitalizador, en breve poderá adquirise tal accesorio para facilitar a toma de notas en pantalla, funcionalidade para a que Windows 10 está preparado, resultando de grande utilidade para estudantes e todo aquel que precise tomar notas ou facer bosquexos nun momento dado.

O Samsung Galaxy TabPro S é un dispositivo ideal para a mobilidade

ACTUALIZACIÓN 18-3-2016): Telefónica xa ofrece o Samsung Galaxy TabPro S a clientes profesionais e corporativos a 53,4 euros/mes (durante 24 meses)..

PUBLICIDADE