A revolución educativa que impulsan os podcast centra un curso da UVigo para o profesorado
mércores, 5 de outubro do 2022
Achegar
os podcast e as súas potencialidades para a comunicación, a
educación e a divulgación científica é
o obxectivo dun curso organizado pola Área de Innovación en
Educación da Universidade de Vigo, unha actividade formativa
destinada ao profesorado que pon o foco nas posibilidades dos
arquivos sonoros en liña para a docencia. O curso, de 20 horas de
duración, impartirase a través da plataforma Moovi entre o 14 de
novembro e o 14 de decembro en modalidade virtual asíncrona e o
período de matrícula está aberto dende esta semana ata o 4 de
novembro.
O
curso, que impartirá o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e
da Comunicación Xabier Martínez Rolán, xunto coa docente da
Universidade da Coruña, Teresa Piñeiro, está orientado a descubrir
e comprender as potencialidades do podcast como ferramenta educativa.
Ao longo das catro semanas de docencia, as e os participantes
aprenderán a facer un guión, gravar os audios e montar e editar o
seu propio arquivo sonoro para compartir en servizos de distribución
de podcasts ou nas ferramentas de teledocencia (Moodle, blog...).
O
programa do curso comprende un primeiro módulo no que se realizará
unha aproximación ao concepto de podcast, no que tamén se abordará
o uso destes arquivos na docencia, na comunicación institucional e
na divulgación científica. As e os asistentes tamén coñecerán as
tipoloxías de podcast educativos e diversos exemplos de podcasting
no ensino universitario. O segundo módulo centrarase no de deseño
de arquivos educativos e nas posibilidades de integración deste tipo
de contidos no deseño didáctico dunha materia. Neste bloque
abordarán as diferentes etapas da creación, dende a planificación,
a estrutura e o guión, ata as técnicas de escribir para escoitar.
Xa
no terceiro bloque temático centraranse nas ferramentas de gravación
de audio, no proceso de gravación e nas ferramentas de edición,
como Audacity ou Garageband & Anchor. Finalmente, a última parte
do curso centrarase na distribución, dende os diferentes
repositorios ata o proceso de subir e distribuír podcast nestas
plataformas ou integralos en Moodle.