A semana que vén chegará a España o Echo Show 8

xoves, 20 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Os altofalantes conectados con pantalla incorporada de Amazon continúan a ampliar o seu catálogo, e tras estrearse en versións con pantalla de 10 e de 5 polgadas, chegan agora cun modelo co pantalla de 8 polgadas, de xeito que os usuarios teñen máis onde escoller en función do espazo físico onde queiran colocar o dispositivo e do orzamento dispoñible.
O Echo Show 8 sairá á venda o 26 de febreiro a un prezo de 129,99 euros (a medio camiño entre os 89,99 e os 229,99 euros dos seus irmáns) e resulta máis atractivo para a realización de videoconferencias que outros dispositivos Echo con pantallas máis cativas.
A pantalla tamén poden aproveitarse para ver vídeos e fotografías, ter información adicional cando realizamos algunha consulta (por exemplo, se preguntamos pola predición meteorolóxica, aparte da locución correspondente tamén veremos graficamente a resposta) e incluso poder consultar cámaras de seguridade que poidamos ter instalado no exterior da nosa vivenda ou para, por exemplo, vixiar a un bebé (ou a un doente).
Como o resto de produtos Echo tamén serve para controlar os dispositivos do fogar conectado mediante ordes de voz, reproducir música de servizos en liña ou realizar comunicacións de voz con outros dispositivos que integren Alexa.

PUBLICIDADE