A tableta LG G Pad III terá 4G e peaña

martes, 20 de decembro do 2016 Marcus Fernández

A nova tableta de LG incorpora unha peaña para colocala en distintos ángulos

Para o mes de xaneiro LG vai pór á venda por 429.000 wons (347,60 euros) unha nova tableta moi interesante, a LG G Pad III 10.1 FHD LTE, ou sexa, un dispositivo cun nome claramente descritivo, que deixa claro que estamos ante unha tableta con banda larga móbil 4G, aínda que para moitos usuarios o máis rechamante será que pode funcionar cun lapis dixitalizador e que integra unha peaña que permite colocar a tableta en distintos ángulos en función do uso que vaiamos darlle.
O LG G Pad III vén cunha pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de .1920 x 1.200 píxeles, procesador de 8 núcleos a 1,5 GHz, 2 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD, cámaras frontal e traseira de 5 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, batería de 6.000 mAh que pode recargarse por USB-C, sistema operativo Android 6.0.1, entre 6,7 e 7,9 milímetros de grosor e un peso de só 510 gramos.

PUBLICIDADE