A tableta MiPad 2 recibe a súa versión con Windows 10

luns, 25 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Hai un par de meses a presentación da nova tableta de Xiaomi, a Mi Pad 2, adoptando un acabado metálico, supuxo a consolidación deste trebello como o equivalente en Android do iPad mini de Apple, pero deixou como grande incógnita o xeito no que Xiaomi ofrecería o modelo superior deste produto, xa que a súa versión con 64 GB de capacidade, que tiña que ter saído á venda hai un mes, podería adquirirse con Windows 10, e tras un pequeno adiamento, por fin está aquí.
Mañá mesmo chegará ao mercado chinés a un prezo de 1299 iuans (182 euros) o Mi Pad 2 con Windows, que incluirá o Office Mobile pre-instalado, facilitará o uso de aplicacións de escritorio neste atractivo trebello e incluso terá facilidades para poder converterse nun ordenador completo a través de accesorios que o permiten facer uso de teclado, rato e monitor/televisor, podendo conectarse a unha pantalla externa tanto a través de tecnoloxía sen fíos como a través do seu porto USB-C (en vez de optar por un conector micro HDMI). Unha interesante opción para que busque unha opción económica e altamente portátil para a produtividade.
O Xiaomi Mi Pad 2 ten unha pantalla IPS de 7,9 polgadas cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles, procesador Intel X5-Z8500 de 64 bits e 4 núcleos a 2,24 GHz, 2 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, cámaras de 8 e5 Mpíxeles, batería de 6.190 mAh (capaz de achegar unha autonomía de até doce horas e media reproducindo vídeo), un grosor de 6,95 milímetros e un peso de 322 gramos, e estará dispoñible con carcasas de cor prateada, dourada ou rosada.

PUBLICIDADE