A web do Museo de Pontevedra reúne todos os seus recursos e contidos sobre Castelao
luns, 10 de febreiro do 2025
O sitio web do Museo de Pontevedra prosegue este mes de febreiro o seu intenso traballo dirixido a reivindicar o legado de Castelao, coincidindo coa celebración (este 2025) do 75 cabodano do falecemento do escritor rianxeiro en Bos Aires. A semana pasada, o Museo confirmou a posta en marcha dun espazo web no que reúne todos os recursos sobre o autor de Sempre en Galiza para poñelos a disposición da sociedade.
Desde a consulta das preto de 2.000 obras que conforman a colección de fondos artísticos do intelectual galeguista custodiados no inmóbel, ata as actividades que se desenvolven este ano, pasando por todos os recursos dixitais e impresos lanzados polo Museo, poden consultarse na web do Museo de Pontevedra.
A Deputación lembra que o artista, escritor, intelectual e político galeguista estivo intimamente ligado ao Museo de Pontevedra desde os seus inicios: foi un dos seus patróns fundadores e nel custódiase unha parte fundamental do seu traballo artístico, ademais da súa biblioteca, documentos e obxectos da súa actividade literaria, como investigador e como líder do galeguismo.
O Museo dedícalle dúas salas no terceiro andar do edificio que leva o seu nome, nas que se mostran unha escolma de máis de 300 obras que dan conta da súa faceta de artista, escritor, intelectual e político, desde os seus primeiros debuxos publicados ata as obras que fixo no exilio en Bos Aires, xa nun delicado estado de saúde.
Boa parte da súa obra máis significativa está exposta no Museo: as estampas que depositou no Museo o propio Castelao en 1931,os orixinais do Álbum Nós recuperados en 2016 polo Museo despois de décadas nos que se daban por perdidos, os álbums de guerra que el mesmo legou ao Museo para a súa entrega tras a recuperación da Autonomía, o manuscrito de Sempre en Galiza, óleos, caricaturas, carteis, ás máscaras de Os vellos non deben de namorarse... O Museo é a mellor porta de entrada posible a todas as dimensións desta figura clave da Galicia do século XX.
Ademais, o Museo de Pontevedra ofrece ao longo de 2025 unha ampla programación dedicada a Castelao. A información sobre toda esta oferta de contidos e actividades reúnese agora nun só espazo web, que dá acceso directo a todos estes recursos. Aí se atopa, por exemplo, a información das visitas guiadas que realiza o Museo o primeiro martes de cada mes ás 18:00 h, para as que é preciso inscribirse previamente. A próxima será o martes 4 de marzo e a inscrición pode facerse desde o 24 de xaneiro a través da web. Ademais, é posible solicitar visitas para grupos concertados fóra dese horario.
O Museo dispón tamén dunha serie de recursos interactivos. A ferramenta Explora a colección permite consultar as 1.830 obras do fondo artístico da colección Castelao. E a sección de visitas virtuais permite facer un itinerario virtual temático polas salas de Castelao no edificio que leva o seu nome.
Ademais, a través da web é posibel acceder a interesantes recursos divulgativos. A sección Coñeces o teu contén textos e vídeos que afondan na figura do artista de Rianxo, en aspectos como o seu tratamento da emigración ou a implicación de Castelao na colocación da pontevedresa fonte da Ferrería no seu emprazamento actual. Tamén se poden descargar recursos didácticos, xunto coa información sobre as actividades que oferta o Museo para grupos escolares.
Un último epígrafe da sección do Ano Castelao na web do Museo está dedicado ás publicacións sobre a súa figura que editou o Museo de 1999 á actualidade. Ademais das referencias das publicacións que se poden adquirir no Edificio Castelao, varias destas obras pódense descargar en PDF na mesma páxina.