AMD integra 1 TB de SSD nunha tarxeta gráfica para disparar o seu rendemento

martes, 26 de xullo do 2016 Marcus Fernández

AMD aproveitou a celebración do SIGGRAPH para facer unha demostración de forza e presentar unha nova solución Radeon Pro que estará dispoñible inicialmente como kit de desenvolvemento, e que consistirá nunha gráfica que integra 1 TB de Radeon Solid State Graphics (SSG), unha solución que conseguiría unhas capacidades de memoria gráfica moi superior á das tradicionais GPU, conservando un bo rendemento, o que sería ideal para escenarios de post-produción en tempo real de vídeo 8K, renderizado de alta resolución, creación de contidos de realidade virtual, enxeñaría, imaxes médicas e moitos usos científicos.
Estamos ante a transformación da arquitectura das estacións de traballo para conseguir rachar barreiras na computación gráfica en tempo real, que nas demostracións destas gráficas Radeon Pro SSG conseguiron pasar o procesado dun vídeo 8K sen comprimir de 17 a máis de 90 imaxes por segundo, o que facilitaría a adopción desta nova resolución grazas a esta tecnoloxía capaz de multiplicar por 5 o rendemento dos procesos de edición.
A nova arquitectura adoptada por AMD en vez de facer que a GPU envíe peticións á CPU, que deberá coller os contidos da súa memoria ou incluso dun disco duro, pero ao contar cunha memoria de estado sólido de 1 TB actuando a xeito de frame buffer conséguese ter a información moito máis a man, de xeito que só haberá que involucrar á CPU para procesar datos que non estean nesta unidade.
Estas novas gráficas, aínda como kits de desenvolvemento, distribuiranse de xeito limitado a un prezo de 9.999 dólares, confiando en que en 2017 poidan chegar ao mercado como un produto comercial.

PUBLICIDADE