AMD lanzará en agosto novas gráficas de gama media-baixa

venres, 29 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Aínda que a grande innovación nas tarxetas gráficas de AMD este verán foi a súa Radeon Pro SSG, por integrar memoria SSD dentro da propia gráfica para conseguir acelerar o procesado masivo de información, de cara ao mercado de consumo tamén teñen as súas achegas, e para os usuarios gamers que non queiran facer o elevado desembolso que supón unha potente gráfica Radeon RX 480 (que supera os 330 euros) vai lanzar en agosto dúas novas gráficas máis económicas: a RX 470 que sairá o 4 de agosto a un prezo que podería estar no contorno dos 149 dólares e a RX 460 que verá a luz día 8 a uns 109 dólares.
As novas tarxetas non estarían certificadas para a realidade virutal, como a RX 480, pero terían un prezo moi inferior, o que podería valerlles unhas importantes vendas, xa que serían unha solución moi asumible para os usuarios que demandan grande potencia para os gráficos dos seus xogos preferidos.
A Radeon RX 470, pese ao seu prezo axustado, sería unha gráfica máis que competente para os que simplemente queiran unha boa experiencia de xogo Full HD, podendo chegar a procesar gráficos a 4,9 TFLOP, contando con 4 GB de memoria GDDR5 e mantendo o seu consumo en 120 watts, estimándose que conseguiría un rendemento en xogos de entre 1,5 e 2,4 veces superior ao dunha Radeon R7 270.
Pola súa banda, a Radeon RX 460 conformaríase cunha potencia máxima de 2,2 TFLOP, contaría con modelos con 2 e 4 GB de memoria GDDR 5 e consumiría menos de 75 watts, de xeito que, aparte de máis económica, tamén sería apta para equipos máis modestos (xa que colle a alimentación directamente da interface PCI-E), conseguindo un rendemento de entre 1,2 e 1,3 veces máis rápido que o dunha Radeon R7 260X en xogos como Dota 2, Rocket League ou Overwatch.

PUBLICIDADE