AMTEGA asina a constitución dun consorcio europeo de goberno intelixente, Govtech4all

xoves, 25 de maio do 2023 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) participou este xoves 25 de maio, en Bruxelas, no acto de sinatura do acordo de asociación que pon en marcha o consorcio Govtech4all. Este consorcio terá o cometido de experimentar novas formas para proporcionar innovación ao sector público a través da colaboración público-privada.
Segundo avanzou AMTEGA, o proxecto permitirá a elaboración de entre catro e seis proxectos piloto conxuntos nos que se aplique un amplo conxunto de metodoloxías de goberno intelixente. Neste contexto, e en palabras dos promotores da iniciativa, “as incubadoras, os laboratorios de innovación e os equipos dixitais de Govtech deseñarán os desafíos a través dun enfoque de creación conxunta”. Ademais, o consorcio terá tamén como obxectivo o de crear conciencia sobre os gobernos intelixentes, dispoñer dun mapa de situación sobre o desenvolvemento das administracións dixitais e compartir as leccións aprendidas entre os socios e outros actores da UE.
No Acordo Marco de Asociación participan axencias e empresas de 15 países europeos: España, Bélxica, Portugal, Polonia, Países Baixos, Suecia, Grecia, Letonia, Luxemburgo, Alemaña, Estonia, Dinamarca, Lituania, Francia e Italia. Por parte de España, os asinantes son o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o concello de Madrid, a Lantik (sociedade participa en exclusiva pola Deputación Foral de Biscaia para a transformación dixital) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O acto desenvolvido hoxe en Bruxelas contou coa participación do comisario europeo de Orzamento e Administración, Johannes Hahn. Tamén participou como invitado o vice-primeiro ministro de Innovación de Ucraína, Mykhailo Fedorov, que acudiu á capital comunitaria para presentar o modelo ucraíno de goberno dixital e a importancia que ten a aplicación O Estado no móbil para manter unida á unha poboación que está a ser atacada.
Por parte da Xunta, participou na sinatura a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo, que estivo acompañada pola coordinadora técnica de Políticas Europeas da Fundación Galicia Europa, Vanessa Lobo.
No acto tamén foron presentados os tres proxectos piloto escollidos para a primeira fase de Govtech4all sobre Desafío das startup, Axuda á cidadanía europea para obter beneficios sociais dos Asistentes Persoais de Regulación (PRA), e Seguridade da información en espazos de datos transfronteirizos. Nesta última participa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Contratación pública IA
A AMTEGA tamén participou este xoves en Vigo na xornada sobre O Marco Legal para a Contratación Pública de Intelixencia Artificial na Unión Europea. Baixo o título Contratación pública da Intelixencia Artificial: construíndo unha ponte entre a regulación europea e a necesidade rexional, o director da Axencia autonómica, Julián Cerviño, avanzou os retos da Administración autonómica como usuario de Intelixencia Artificial, apuntando ao uso de Compra Pública Innovadora e outras formas de colaboración para construír solucións a medida.
Neste ámbito avanzouse coa creación dun departamento de xestión de datos para establecer políticas e guías que garantan a calidade dos datos e o seu uso adecuado en futuras aplicacións de técnicas de IA. Ademais, está en vigor un acordo ,arco para a aplicación de tecnoloxías disruptivas no sector público autonómico.
Cerviño destacou que Galicia aspira a converterse nunha comunidade intelixente impulsando o desenvolvemento dunha Intelixencia Artificial punteira, ética e segura que permita avanzar cara unha economía baseada no coñecemento.
Neste sentido, Cerviño destacou o papel da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial aprobada en xuño de 2021 e a creación do nodo galicIA, que impulsou a candidatura galega para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. Ademais, o director da Axencia autonómica lembrou que Galicia é a primeira comunidade española que está a analizar o impacto ético da aplicación de tecnoloxías no seu territorio para poder adaptar a lexislación galega a esta nova realidade.

PUBLICIDADE