AOC achega un monitor 21:9 de 29 polgadas

mércores, 27 de marzo do 2013 Marcus Fernández

O novo monitor de AOC conta con entredas VGA, DVI-D e HDMI nun lateral do seu pé

Para os usuarios que queiran gozar dunha pantalla en formato cinematográfico, o que pode resultar de grande utilidade tanto para a reprodución multimedia como para tarefas de produtividade, AOC conta xa co seu monitor myMulti-Play (q2963Pm), que chega cunha relación de aspecto de 21:9, unha diagonal de 29 polgadas (73,7 centímetros) e unha resolución de 2.560 x 1.080 píxeles, con retroiluminación LED e conectividade MHL para poder amosar contidos de numerosos dispositivos móbiles como smartphones e tablets compatibles.
Para tirar un maior proveito desta pantalla, inclúe o software Screen+, que permite dividir a pantalla en partes entre as que poder saltar mediante atallos. Ten unha velocidade de resposta de 5 milisegundos, entradas VGA, DVI-D e HDMI, 2 entredas Display Port, soporte VESA, unhas medidas de 71,4 x 38,8 x 21,2 centímetros e un peso de 9,79 quilogramos. O seu prezo de venda en España é de 499 euros.

O novo monitor de AOC sorprende por adoptar o formato 21:9, máis propio do cine que dos escritorios informáticos

PUBLICIDADE