ARCHOS anuncia un accesorio que converte smartphones en lentes de realidade virtual

xoves, 16 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Para facilitar un aceso económico ás experiencias de realidade virtual ARCHOS anunciou as súas novas ARCHOS VR Glasses, unhas lentes nas que pode colocarse un smartphone cunha pantalla de até 6 polgadas con Android, iOS ou Windows Phone co que se comunicarían as lentes a través de Bluetooth, conseguindo crear unha experiencia de visión estereoscópica en 360 graos que poderiamos ver como unhas Oculus Rift low cost, xa que poranse á venda en novembro a un prezo que partirá dos 29,99 euros.
Esta solución é compatible con máis dun cento de aplicacións de realidade virtual, e entre as súas grandes vantaxes está o feito de que poden servir para reproducir vídeos en 3D cun método moi sinxelo: divide a pantalla do móbil en 2 partes, amosando en cada unha a imaxe que iría dirixida a cada ollo, para conseguir a ilusión de profundidade como fan as salas de cine 3D. Para que esta experiencia sexa satisfactoria recoméndase empregar as ARCHOS VR Glasses cun smartphone con pantalla Full HD de 5 polgadas que conte cun potente procesador e sensores de movemento (como un acelerómetro e un xiroscopio), principios moi semellantes ao Samsung Gear VR, que terá un prezo de 199 dólares, de aí que a solución de ARCHOS resulte bastante atractiva (aínda que non sexa compatible co software de Oculus).

PUBLICIDADE