ARCHOS presentará novos smartphones e tablets na feira IFA de Berlín

venres, 30 de agosto do 2013 Marcus Fernández

A semana que vén comeza a feira IFA en Berlín, e de cara a este evento ARCHOS prepara toda unha serie de smartphone e tablets con Android que amosar ao público e que comercializaranse nos vindeiros meses. A compañía francesa leva 4 anos traballando co sistema operativo de Google, e actualmente os seus dispositivos están certificados pola compañía de Mountain View (de xeito que poden acceder ao inmenso catálogo de aplicacións de Google Play).
Continuando na innovación en tablets, a nova ARCHOS 97b Platinum HD pode presumir de procesador de catro núcleos, deseño en aluminio, conexión sen fíos, pantalla IPS de ata 2.048 x 1.536 píxeles (comparable ás pantallas Retina dos iPad) e Android 4.2; mentres que a ARCHOS 101 XS 2 chegará como un bo expoñente da familia Gen11, ofrecendo tamén procesador de 4 núcleos, pantalla IPS HD, altofalantes frontais estéreo duais e teclado magnético exclusivo de ARCHOS, resultando así axeitado tanto para a reprodución multimedia como para a produtividade.
Outras tablets que está a renovar a compañía son as temáticas, como a ARCHOS ChildPad, orientada aos cativos (con filtro para menores e control paterno) que estreará un modelo con pantalla de 10,1 polgadas; e para un uso máis lúdico tamén teremos en breve unha ARCHOS GamePad 2 (con controis físicos que facilitan o uso de videoxogos).
Pensando na banda larga móbil, ARCHOS tamén está a mellorar os seus dispositivos con 3G e 3G+, cunha familia de tablets ARCHOS Xenon que integrará pantallas HD, procesadores de 4 núcleos, Android 4.2 e 3G a prezos inferiores aos dos dispositivos Wi-fi de Samsung ou Apple.
Tamén teremos novos smartphones de ARCHOS, como o ARCHOS 50 Oxygen, que con pantalla IPS Full HD, procesador de 4 núcleos a 1,5 GHz, 16 Gb de almacenamento interno, Android 4.2 e cámaras de 13 e 5 Mpíxeles quere ser o dispositivo insignia da compañía; mentres que a gama Titanium parte dun móbil con pantalla de 4 polgadas, procesador de dobre núcleo, Bluetooth, GPS, dual SIM, Android 4.2 e cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles cun prezo de 99 euros.

PUBLICIDADE