Aberta a inscrición no novo curso de Big Data para persoas desempregadas na Coruña

xoves, 25 de maio do 2023 S. P.

O Concello da Coruña, a través da área municipal de Emprego, abriu o prazo de inscrición nun novo curso de formación gratuíta en Big Data (tecnoloxías da análise da información a gran escala) orientado a persoas desempregadas e promovido ao abeiro do programa Actualízate.
O curso, que comezará o vindeiro luns 29 de maio e terá continuidade ata o 30 de xuño, impartirase nas instalacións do Centro Municipal de Emprego. Terá unha duración de 253 horas e levarase a cabo en horario de 9.00 a 18.00 horas.
Ademais, e como novidade, o Concello convocou un curso de formación en ciberseguridade, que se celebra entre os días 11 de setembro e 13 de outubro. A inscrición neste módulo tamén está habilitada, e xa é posíbel solicitar praza a través da páxina web de Emprego.
En ambos os casos, tanto para o cuarto curso de formación en Big Data como para a primeira quenda do curso de formación en ciberseguridade, as persoas participantes terán a posibilidade de contar con 12 horas de orientación laboral. Ademais, nas dúas convocatorias consta un compromiso de inserción laboral de seis meses para un mínimo do 25% do alumnado que finalice o programa.
Pódense inscribir todas as persoas residentes no termo municipal da Coruña, en idade de traballar, apuntadas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, sen necesidade de contar con ningunha formación académica previa. Neste sentido, e co obxectivo de diminuír a fenda de xénero existente nas profesións TIC, polo menos un 35% das prazas ofertadas van destinadas a mulleres.
Os obxectivos do programa Actualízate
Con motivo da “alta demanda de persoas solicitantes nas anteriores convocatorias”, o Concello da Coruña ampliou o abano da oferta formativa dispoñíbel tanto no eido das ferramentas de análise da información como na protección en liña, co obxectivo de “dar formación a máis persoas desempregadas e facilitar o seu acceso a postos de traballo que dispoñan dunha estratexia de transformación dixital”.
Esta iniciativa é froito do convenio asinado coa UTE Innova Next, SLU e The Valley Digital School SL para o desenvolvemento da formación para o emprego e intermediación no sector da tecnoloxía e a comunicación.
O programa Actualízate, xestionado polo Concello da Coruña, está impulsado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE). Nos vindeiros meses abrirase a cuarta e última convocatoria do proxecto con 28 novas prazas. Pode solicitarse información a través do Centro Municipal de Emprego e tamén se pode consultar na páxina web do servizo de Emprego.

PUBLICIDADE