Aberto o prazo da campaña de dinamización da lectura nas bibliotecas Ler conta moito 2022

luns, 3 de xaneiro do 2022 S. P.

A Xunta comunicou a apertura das inscricións para o catálogo Ler conta moito 2022, a iniciativa coa que as empresas e profesionais galegos poden propoñer diferentes actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas galegas.
Trátase, máis polo miúdo, dunha proposta que desenvolve a Consellería de Cultura e Educación en colaboración coas entidades locais coa que se impulsou no último ano un total de 722 actividades de dinamización, entre contacontos, obradoiros, exposicións, charlas, ou propostas audiovisuais e roteiros, entre outras.
Como recolle o Diario Oficial de Galicia, á convocatoria deste ano poden concorrer persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á dinamización cultural. Todos eles incorporarán actividades que se porán a disposición das bibliotecas públicas para que poidan seleccionalas para a súa programación durante o ano 2022.
Como novidade, este ano elimínase a limitación do orzamento máximo por actividade e poderanse incorporar ata tres actividades por empresa. Así, no caso de que se desexe incluír tres actividades no catálogo, polo menos unha delas terá que estar orientada especificamente a promover a igualdade entre homes e mulleres e/ou a loita contra a violencia de xénero.
As propostas estarán dirixidas “a potenciar a imaxe das bibliotecas e fomentar o acceso igualitario á cultura”.
Poderán incluírse obradoiros creativos, actividades de narración oral como contacontos, lecturas en voz alta, recitais, regueifas e similares, propostas de divulgación literaria como encontros con autores, clubs de lectura e similares, así como iniciativas de divulgación científica ou charlas sobre temas de interese social ou cultural.
Tamén poderán incluírse propostas do audiovisual como proxeccións, audicións, ciclos arredor do cine e a música, creación de contidos dixitais, proxectos de artes escénicas, exposicións ou roteiros para descubrir escenarios literarios, entre outros. O prazo está aberto ata o 31 de xaneiro.

PUBLICIDADE