Ábrese a reserva dos novos cascos de realidade virtual de Oculus

martes, 30 de abril do 2019 Marcus Fernández

A apertura da conferencia F8 serviu para abrir as reservas dos novos cascos de realidade virtual de Oculus, que finalmente chegarán ao mercado o vindeiro 21 de maio, enfocándose cada un a distintos perfís de usuario e escenarios de uso.
Temos así como o casco de realidade virtual Oculus Rift por fin mellora, adaptándose ás novas tendencias, de xeito que dende hoxe podemos reservar o Oculus Rift S, o que supón unha mellor na resolución de pantalla (a principal debilidade de Oculus), un deseño máis ergonómico e unha simplificación da instalación ao optar por seguir os pasos de Microsoft e prescindir de sensores externos de posición que instalar na habitación para incorporar sensores no propio casco que identifiquen o contorno (o que reduce o número de cables e libera espazo).
Cun prezo de 449 euros consegue ser relativamente económico e, aparte da súa venda en liña, espérase que estea tamén dispoñible a través de Amazon, Fnac, MediaMarkt e outras tendas de electrónica de consumo.

Vídeo de presentación de Oculus Rift S

Sen cables nin ordenador

Pero o casco de realidade virtual máis interesante é, sen dúbida, o Oculus Quest, xa que tería un funcionamento semellante a Oculus Rift S pero, en vez de conectarse a un potente ordenador persoal funcionaría de xeito autónomo e sen cables ao integrar un procesador Qualcomm Snapdragon 835, de xeito que os xogos e aplicacións de realidade virtual corren automaticamente no propio casco (sendo posible proxectar o que está a ver o usuario nun televisor para poder compartir a experiencia de uso).
Dado que Oculus Quest ofrece 6 graos de liberdade, ou sexa, que permite ao usuario moverse no espazo rexistrándose os seus movementos, e carecer de cables, ofrece unha experiencia moito máis libre que outras solucións de realidade virtual, aínda que a potencia non sexa tan elevada.
Aínda que o procesador das Oculus Quest non pode rivalizar co dun ordenador persoal, conseguiron que o rendemento sexa dabondo como para poder gozar do popular xogo de ritmo Beat Saber, que vaia poder contar co título de boxeo Creed ou que conte entre os seus títulos de lanzamento con Vader Immortal, grandes reclamos para animarán a moitos a darlle unha oportunidade a esta experiencia de VR que como principal atranco terá agora o seu prezo, xa que continúa a ser máis elevado que o dunha consola de sobremesa.
As Oculus Quest con 64 GB de almacenamento custarán 449 euros, mentres que a versión con 128 GB custará 549 euros, prezos que non están ao alcance de todos os petos, pero seguen a ser máis asumibles que as versións para PC, xa que non precisan dun ordenador de alta gama para poder gozar de completas experiencias de realidade virtual, de aí que moitos confíen en que poidan converterse no meirande grande salto na adopción realidade virtual no ámbito doméstico dende o lanzamento de PlayStation VR.

Vídeo promocional de Oculus Quest

PUBLICIDADE