Accesorio para incrementar a autonomía da Nintendo 3DS

martes, 8 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Nintendo 3DS co Power Pak+ instalado

Un dos puntos máis polémicos da Nintendo 3DS, consola que chegará ao mercado español o vindeiro día 25, é sen dúbida a duración da súa batería, xa que queda en pouco máis de 3 horas de ter activada a súa funcionalidade 3D e o Wi-Fi, podendo aguantar ata 8 horas en caso de xogar en 2D cun brillo de pantalla reducido e o Wi-Fi desactivado, o que queda moi lonxe das 15-19 horas de autonomía da Nintendo DS Lite, de aí que Nyko decidise lanzar accesorios para solucionar este problema.
Por unha banda Nyko comercializará por 19,99 dólares o Power Pak+, unha batería de alta capacidade de pode conectarse na parte traseira da 3DS para dobrar a súa autonomía (que quedaría entre 6 e 16 horas). Para conectar esta batería de alta capacidade será preciso quitar os parafusos da parte traseira da consola cunha ferramenta especial subministrada por Nyko e substituír a batería orixinal.
Para facilitar a recarga da consola Nyko tamén achega unha base de carga adaptada ao Power Pak+, podendo adquirirse ambos produtos xuntos por 29,99 dólares (os prezos europeos aínda non foron publicados).

A base de carga para a Nintendo 3DS que teña instalado o Power Pak+

PUBLICIDADE