Acer presenta o ordenador de gaming máis potente até hoxe

mércores, 30 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Acer prepárase para a feira IFA de Berlín presentando novos equipos informáticos orientados ao uso de videoxogos, entre os que destaca poderosamente o Acer Predator Orion 9000, o que parece que sería o ordenador para gaming máis potente até o momento.
Estamos ante un ordenador cun exterior inspirado no deseño dunha nave espacial, con iluminación RGB personalizable aos lados do seu marco frontal, cunha enorme fiestra lateral e que pode equiparse con refrixeración líquida e IceTunnel 2.0 para conseguir que a temperatura non se dispare durante as intensas sesións de xogo. O Predator Orion 9000 pode configurarse até cun procesador Intel Core i9 Extreme Edition de 18 núcleos, até 128 GB de memoria DDR4 e coa posibilidade de contar até con 4 gráficas Radeon RX Vega ou con 2 nVIDIA GeForce GTX 1080Ti, de xeito que tanto poderá gozar de xogos moi realistas como mover mundos de realidade virtual con total soltura.
O equipo tamén conta con 2 portos USB 3.1 (1 tipo C e outro tipo A), 8 USB 3.1 (1 tipo C e 7 tipo A), 2 USB 2.0 (tipo A), 3 rañuras M.2 e 4 rañuras PCIe x16, de xeito que será sumamente ampliable, sendo o seu principal atranco o seu prezo, pois chegará ao mercado en novembro a un prezo base de 1.999 euros (descoñecéndose polo momento o prezo que terá nas súas configuracións máis elevadas).

PUBLICIDADE