Acer presenta o seu futuro «teléfono PC»
mércores, 2 de setembro do 2015
A feira IFA está a coller bastante forza este ano, e moitos
fabricantes quixeron aproveitar a súa boa situación no calendario (moi preto da
campaña de Nadal) como unha oportunidade para amosar as novidades para os
vindeiros meses, o que fixo entre outros Acer, fabricante que levou a Berlín
numerosos ordenadores, tabletas, teléfonos móbiles... dispositivos que veremos
en breve no mercado, e entre os que destacou especialmente un produto do que
aínda non se coñecen os detalles para a súa comercialización, pero que resulta
moi prometedor: o Acer Jade Primo.
Estamos ante un smartphone con Windows 10 que afástase moito dos smartphones Acer Liquid Z330/M330,
que o mes que vén chegarán ao mercado co sistema operativo de Microsoft, pero
cun prezo de 129 euros (ou sexa, que estariamos ante produtos de baixa gama), e
dende Acer insistiron en chamalo “PC Phone”, como referencia ao seu modo
Continuum, que permite que ao conectar a unha base podamos comunicalo con
periféricos e un monitor, de xeito que funcionará como un ordenador con Windows
10 que executaría aplicacións universais (como Office, o navegador web e moitas
outras aplicacións modernas) o que resulta moi práctico para usuarios
profesionais. O Acer Jade Primo sería un smartphone de alta gama, cun
procesador Qualcomm Snapdragon 808, pantalla AMOLED Full HD de 5,5 polgadas e
cámara traseira de 21 Mpíxeles, deixando claro que non estaremos ante un
dispositivo económico, e que iría na mesma liña dos teléfonos que se espera que
Microsoft presente o mes que vén.
- Unha base facilita a conexión do teléfono a un monitor (e outros periféricos) para que opere como un ordenador persoal