Acer presenta un portátil deseñado para estudantes

xoves, 28 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Para atender as demandas informáticas dos estudantes Acer desenvolveu en colaboración con Microsoft o portátil TravelMate B117, nacido como un equipo transportable, resistente, con boa autonomía e cun desempeño suficiente para correr as aplicacións propias de contornos educativos.
Tamén conta cunha característica bastante curiosa: unha luz LED na parte externa da tapa do equipo que pode iluminarse en distintas cores, o que podería indicar distintos estados en base a software para os equipos (dentro da plataforma Acer TeachSmart) de xeito que os docentes poderían saber cando os alumnos dunha aula que empregue estes equipos remataron as tarefas asignadas ou incluso cando responden a unha pregunta con varias opcións (podendo asociar cada resposta a unha cor distinta). Un elemento de interacción con bastante potencial de converterse en estándar.
O TravelMate B117 ten un marco reforzado, cunha tira de goma que protexe ao equipo de golpes e caídas, a bisagra da pantalla pode abrirse até 180 graos até 25.000 veces, a tapa soporta até 60 quilogramos de peso, o teclado é resistente a derrames de auga accidentais, o seu grosor non chega aos 2,5 centímetros e o seu peso tampouco supera os 1,36 quilos, de xeito que parece ideal para estudantes que queiran cargar co equipo dun lado para outro con tranquilidade.
No que a prestacións técnicas se refire, terá opcións con procesadores Celeron e Intel Pentium (pensando nun consumo moderado), contará con até 4 GB de RAM, a súa pantalla queda nas 11,6 polgadas para conseguir un tamaño compacto, terá opcións de disco duro interno ou almacenamento flash, o seu touchpad soportará xestos táctiles de Windows 10, soporta conexións sen fíos Wi-Fi AC con 2x2 MIMO, inclúe un porto USB 3.0, outro USB 2.0 e saída HDMI de formato completo.
Os detalles sobre as configuracións e os prezos cos que chegará a España detallaranse nos vindeiros meses, cando se anunciará a data de lanzamento (prevista para a primeira metade do ano).

PUBLICIDADE