Acer renova os seus Chromebox

venres, 13 de abril do 2018 Marcus Fernández

Aínda que Chrome OS é un sistema operativo baseado en tecnoloxías web que principalmente corre en ordenadores portátiles Chromebook, tamén está dispoñible en equipos de escritorio, Chromebox, como os que Acer comercializa dende 2014, e que este mes están a actualizarse para integrar novos procesadores e novas configuracións. Temos así que nos EE.UU. xa poden reservarse os novos Acer Chromebox CXI3 que parten dun prezo de 297,99 dólares, cun procesador Intel Celeron 3865U, 4 GB de RAM e 32 GB de almacenamento, e chegan até un equipo de 744,99 dólares cun procesador Intel Core i7 8550U (de 8ª xeración) con 16 GB de RAM e 64 GB de SSD (en formato m.2).
Estes pequenos ordenadores, cunha dimensións de 15 x 15 x 4 centímetros, integran 3 portos USB 3.0, 2 portos USB 2.0, 1 porto USB-C 3.0, saída HDMI, Gigabit Ethernet, toma para auriculares/micrófono, lector de tarxetas microSD e incluso un accesorio para poder montalo na parte traseira dun monitor e así liberar espazo no escritorio.

PUBLICIDADE