Adamo leva a súa fibra óptica ás oito parroquias de Barreiros

martes, 7 de decembro do 2021 S. P.

A operadora Adamo prosegue os seus traballos na provincia de Lugo para dotar ás comarcas de fibra óptica avanzada. Así, amais das tarefas recentes de despregue desenvolvidas en Foz e Lourenzá, a firma de telecomunicacións puxo o foco en Barreiros, onde vén de dotar a todas as súas parroquias (igual ca no caso de Foz e Lourenzá) da dita tecnoloxía FTTH (Fibra Até o Fogar polas súas siglas en inglés). O resultado, informa Adamo, é que as 9 parroquias de Foz, as 4 de Lourenzá e as 8 de Barreiros contan “xa coa conexión a Internet máis rápida dispoñíbel no mercado (1.000 Mbps)”.
Respecto de Barreiros, San Cosme de Barreiros, San Miguel de Reinante, San Pedro de Benquerencia, Santiago de Reinante, Celeiro de Mariñaos, San Xusto de Cabarcos, San Xulian de Cabarcos e Vilamartín Pequeno atópanse xa conectadas á rede de Adamo.
Até o momento, son máis de 5.500 vivendas as cableadas no concello situado na comarca da Mariña Oriental, aínda que os traballos dos técnicos de Adamo continúan para chegar a todos os núcleos con demanda en Barreiros.
Como é habitual, Adamo deu conta do despregamento da súa rede ás autoridades locais. Neste caso, á alcaldesa do municipio, Ana Ermida, quen foi informada o estado da instalación da infraestrutura por David Llano, responsábel de Adamo en Galicia, nunha reunión recente.
Desta maneira, o operador prosegue co seu desenvolvemento en Lugo, provincia na que xa fornece de sinal a 60.000 fogares, facendo especial fincapé na citada zona da Mariña. Entre outros concellos, na Fonsagrada, Alfoz, Begonte, Cervo, O Valadouro ou Xove, así como na parroquia de Celeiro.
Amais, Adamo anunciou que despregará Internet de alta velocidade noutras 26.500 vivendas máis da nosa comunidade entre 2021 e 2022. Sumados aos citados 60.000 xa en servizo, a compañía proporcionará fibra óptica a preto de 87.000 fogares lucenses antes de que concluíse o exercicio de 2022.

PUBLICIDADE