Agrupacións TIC de Israel, Asturias, Murcia e Galicia xúntanse en Santiago á procura de colaboración e investimento

xoves, 24 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Fachada do Hotel NH Obradoiro, sede elixida para o encontro profesional

Santiago vai acoller este venres 25 unha xuntanza profesional destinada a afianzar a cooperación entre plataformas empresariais nacionais e internacionais do sector tecnolóxico-dixital na procura de novas fontes de apoio en financiamento. A reunión vén da man do Cluster TIC Galicia e a plataforma Vindeira e nela participarán algunhas das principais entidades cooperativas do eido dixital, todas coincidindo no obxectivo de unir forzas para localizar e atraer investimento. A Primeira Xornada Empresarial de Brokeraxe Tecnólica celebrarase no Hotel NH Obradoiro a partir das 17 horas. En palabras dos organizadores, o obxectivo do encontro é “fomentar o coñecemento entre estruturas semellantes, sobre todo cluster e asociacións, para facilitar a detección de socios potenciais para o impulso de proxectos de gran alcance”. Os eidos de actuación a impulsar son moitos e variados, pero teñen en común a vangarda innovadora da que fan gala: mobilidade, fogar dixital, computación na nube, tecnoloxías a prol da saúde, sistemas de información xeográfica, etc.
Ao carón do Clúster TIC e de Vindeira, tamén participarán na xornada o Cluster TIC Asturias, o Cluster Audiovisual Galego, a Cámara de Comercio de Israel e TICBioMed, unha agrupación empresarial que dirixe entidades públicas e privadas de Murcia para o pulo da innovación tecnolóxica no eido sociosanitario. A apertura da xornada correrá a cargo do presidente do Cluster TIC Galicia, Rafael Valcarce, que intervirá en compaña de Antonio Rodríguez del Corral, presidente de Vindeira.
Segundo apunta a organización, a xuntanza artéllase no marco da recentemente constituída Agrupación Empresarial Innovadora [AEI] Cluster TIC Galicia – Vindeira, acreditación que achega o Ministerio de Industria para recoñecer o esforzo e máis os obxectivos de certas entidades que canalizan a vontade de colaboración de empresas, centros de formación-investigación e institucións dun ámbito xeográfico concreto. A AEI Cluster TIC Galicia – Vindeira ten a finalidade de “favorecer a competitividade das empresas galegas do sector tecnolóxico-dixital, sobre todo a través da innovación e da cooperación, ben sexa con entidades da contorna, ben sexa nos ámbitos nacional e internacional.
O programa do evento deste venres estrutúrase do seguinte xeito:
· 17h00 - 17h30. Entrega de acreditacións e documentación
· 17h30 - 17h45. Apertura do encontro
Rafael Valcarce Baiget, presidente Cluster TIC Galicia
· 17h45 - 18h15. Presentación das entidades invitadas (I)
AEI TICBiomed e Cluster TIC Asturias
· Pausa para o café
· 18h45 - 19h15. Presentación das entidades invitadas (II)
Cluster Audiovisual de Galicia e Cámara de Comercio de Israel
· 19h15 - 19h45. Presentación Grupos de Traballo Tecnolóxicos
Antonio Rodríguez del Corral, presidente de Vindeira
· 19h45 - 20h00. Clausura do encontro

PUBLICIDADE