Altofalantes de gama alta para os amantes do bo son

venres, 7 de novembro do 2008 Raquel Noya

Bowers&Wilkins, o desenvolvedor de caixas acústicas de gama alta que comezou a súa actividade alá polos anos 60, vén agora de presentar catro novos modelos de altofalantes da serie CM que se caracterizan, segundo din os seus responsables, pola súa combinación de “deseño elegante e sobervio rendemento”.
Aos dispositivos xa disponibles no mercado, a liña CM engade uns altofalantes de columna de tres vías, un modelo de caixa, un novo altofalante central e o primeiro subwoofer dedicado da gama.
A serie CM de Bowers&Wilkins foi, durante moito tempo, un referente entre os amantes do bo son ao ofrecer unha combinación de rendemento e prezo moi atractiva máis, desta volta, estes produtos tamén se caracterizan polo seu deseño, a partir de chapa de madeira auténtica para a súa estrutura.
Estes catro novos modelos de altofalantes permiten ampliar as posibilidades da elección do consumidor, dende un equipo estéreo a un sistema de cine na casa pasando por modelos exclusivos que caracterizan á firma británica.
Os modelos CM9, CM5, CM2 e ASW 10CM foron deseñados polos enxeñeiros do Instituto de Investigación en Steyning (West Sussex) e grazas á boa resposta dos controladores, permiten o emprego de crossovers de tamaño reducido nas áreas críticas de son. Os prezos dos modelos dispoñibles no mercado oscilan entre os 400 e os 1.250 euros, que custa o modelo de gama alta da liña.

PUBLICIDADE