Amazon Dash quere facilitar a compra de produtos frescos para o fogar

venres, 4 de abril do 2014 Marcus Fernández

Amazon continúa a revolucionar o comercio electrónico, e aínda que a súa marca a vexamos moi asociada aos produtos culturais e de electrónica de consumo, nos últimos anos foi ampliando miras e incluso se introduciu na venda de produtos de alimentación, sector no que pode ter un importante impacto con solucións como o seu novo produto, Amazon Dash, un accesorio que inicialmente recibirán de balde usuarios de AmazonFresh nos EE.UU. e que promete facer máis doado a elaboración da nosa cesta da compra.
Estamos ante un pequeno trebello de 16,2 x 2,6 centímetros que integra un micrófono para recoñecer a nosa voz, un lector LED de códigos de barras para identificar os produtos que temos no fogar e conexión Wi-Fi para poder gardar os seus datos na nube, de xeito que os usuarios deste innovador dispositivo, unha vez que o teñen conectado á súa rede Wi-Fi doméstica, poden ir recollendo información sobre os produtos que precisan repor no fogar, para que cando se achegue ao ordenador para facer un pedido en AmazonFresh (servizo dispoñible polo momento en só 3 áreas nos EE.UU.), teña xa unha serie de anotacións a xeito de listaxe da compra, que axilizará moito a realización de pedidos dende o ordenador ou dispositivos móbiles que poderán recibirse ao día seguinte.
Esta nova solución tecnolóxica facilita que vaiamos elaborando a nosa listaxe da compra ao longo de todo o día, sen esforzo e reducindo a posibilidade de esquecer algo, á vez que, no caso de produtos con código de barras, axiliza moito a súa incorporación a un pedido a través da Internet, facendo moito máis natural o proceso da compra e permitindo que calquera membro da familia poida contribuír a detallar os produtos frescos que precisan mercarse.


Vídeo promocional de Amazon Dash


O funcionamento de Amazon Dash explicado paso a paso

PUBLICIDADE