Amazon amosa un altofalante conectado que responde a ordes de voz

xoves, 6 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Nas últimas horas Amazon sorprendeu presentando un novo produto que parece unha auténtica innovación, que a moitos podería parecerlles un soño de ciencia ficción, pero que vén a ser unha simple aplicación de tecnoloxías que xa están presentes en dispositivos móbiles, pero aplicadas ao fogar, xa que o Amazon Echo é un altofalante conectado á Rede que atende ás nosas ordes de voz.
Este curioso dispositivo con forma cilíndrica ten unha altura de 23,5 centímetros e un diámetro de 8,3 centímetros, funciona conectado á corrente eléctrica (de xeito que non é preciso recargalo), conéctase á Internet a través de Wi-Fi, conta con Bluetooth para que poidamos empregalo como altofalante para os contidos que teñamos no móbil ou na tableta (ou incluso para escoitar música de servizos de streaming) e incorpora unha matriz de 7 micrófonos que permiten que poida recoller a nosa voz en toda unha habitación para así poder darlle instrucións verbais, que poden ir dende preguntarlle pola predición meteorolóxica até configurar unha alarma, na liña do que fan os asistentes móbiles como Siri.

O Amazon Echo quere converterse nun elemento do fogar que tanto poida ambientar musicalmente como facilitar información de interese ou alertarnos das nosas tarefas

Este dispositivo está baseado en tecnoloxía de Amazon, polo que espera recibir melloras constantemente, de xeito que aparte de servir para escoitar música, tamén pode achegar contidos informativos de interese, axudar a programar alertas ou relacións de tarefas pendentes, responder a dúbidas do usuario (que responde consultando a Wikipedia e outras fontes) e outras funcións que pouco a pouco irá incorporando Amazon a través da nube a esta solución que tamén pode controlarse dende o móbil.
Este produto poderá mercarse nos EE.UU. mediante invitación a un prezo de 199 dólares (160,76 euros), de xeito que será un dos produtos piloto de Amazon (como o Amazon Dash) orientados a mudar as nosas vidas, de aí que realizar probas moi amplas sexa algo fundamental antes da súa comercialización masiva.


Vídeo promocional do Amazon Echo

PUBLICIDADE