Amazon presenta oficialmente o seu lector de libros electrónicos

luns, 19 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Despois de moitos rumores, Amazon confirma a existencia do seu lector de libros electrónicos por todo o grande cunha aparición do fundador da tenda electrónica na portada da revista Newsweek posando co novo trebello que mediante unha pantalla de tinta electrónica dunhas 6 polgadas e cun peso de só 300 gramos permite a lectura de contidos electrónicos coma se estivesen impresos en papel.
O Amazon Kindle custará 399 dólares, e os libros que Amazon venderá para o mesmo custarán uns 9,99 dólares, aínda que mediante o pago de cotas mensuais tamén permitirá o acceso a contidos coma xornais, blogs recomendados e mesmo á Wikipedia. Para tal fin o dispositivo tamén conta con conectividade EV-DO (equivalente a 2,5G en EE.UU.). Este lector de libros electrónicos ten unha autonomía dunhas 30 horas, cargándose en só 2. O prezo das comunicacións de datos móbiles poderían estar incluídas nas cotas de subscrición a este revolucionario servizo que iniciará Amazon esta semana.

PUBLICIDADE