Amazon renova o seu altofalante infantil

mércores, 12 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Dende Amazon continúan a fornecer o seu catálogo de dispositivos conectados que tiran proveito do seu asistente virtual, e conscientes do éxito que teñen entre o público infantil, nos EE.UU. lanzan versións especificamente deseñados para os máis pequenos, non só presentando unha aparencia máis divertida, con cores rechamantes, senón tamén asociándoos a servizos.
Deste xeito temos que o vindeiro día 26 van lanzar un novo Echo Dot Kids Edition, altofalante que presume dun volume un 70% maior que a súa versión anterior, e que inclúe 1 ano de FreeTime Unlimited, servizo que achega un completo catálogo de contidos apropiados para nenos, como milleiros de libros, películas, programas de televisión, aplicacións educativas e xogos, entre os que destacan os libros Audible. Por desgraza este servizo só está dispoñible en EE.UU., Reino Unido e Alemaña, pero a tranquilidade que supón para os pais (que incluso poden fixar límites de tempo, consultar a actividade dos pequenos e establecer perfís individuais) semella un atractivo dabondo como para que Amazon espalle o servizo a novos mercados nos vindeiros meses.
O Echo Dots Kids Edition terá un prezo de 69,99 dólares, pero en reserva pode mercarse por 49,99 dólares.

O novo altofalante de Amazon está dirixido ao público infantil

PUBLICIDADE