Amazon venderá un monitor da calidade do aire

mércores, 3 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Ampliando a familia de produtos de electrónica para o fogar de Amazon teremos a partir do vindeiro 8 de decembro a un prezo de 79,99 euros o Smart Air Quality Monitor, que como ben di o seu nome, trátase dun monitor da calidade do aire do fogar que é compatible con Alexa.
Estamos ante un produto que podería terse convertido nun grande éxito de vendas se tivese chegado ao mercado hai varios meses, cando o espallamento do coronavirus por aerosois era unha grande preocupación, aínda entre as persoas que callou a necesidade de manter un ambiente saudable posiblemente teña unha boa recepción este produto que mide 5 factores decisivos da calidade do aire: as partículas en suspensión, os compostos orgánicos volátiles, o monóxido de carbono, a humidade e a temperatura.
O novo monitor conta cun indicador LED que muda de cor para indicar o nivel de calidade do aire, que tamén pode consultarse a través da aplicación móbil de Alexa ou dos dispositivos Echo, que tamén poderán recibir notificacións do trebello no caso de detectar unha mala calidade do aire, convidándonos así a ventilar.
A propia aplicación móbil do monitor axuda a ver tendencias na calidade do aire e achega consellos sobre como mellorala. En definitiva, un produto que, se ben non é imprescindible, pode ser interesante para coñecer mellor a salubridade da nosa vivenda.

Os dispositivos Echo poden comunicarse co monitor da calidade de aire para informarnos dos datos que recolle

PUBLICIDADE