Ambar finaliza a súa formación en competencias tecnolóxicas pola inclusión: o programa Dixitalíza-T

luns, 13 de marzo do 2023 Lucía Villaverde

A formación Dixitalíza-T promovida pola Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional rematou o pasado martes día 7 de marzo. Tivo un total de 160 horas e estivo composta por catro módulos: busca na rede, correo electrónico, trámites en liña e materia de empregabilidade.
Este luns 13 de marzo celebrouse na asociación barbanzá a entrega de diplomas da formación no Centro de Recursos da Asociación, situado en Ribeira. As persoas que obtiveron o seu diploma foron Conchita Mouriño, Alberto Fungueiriño, Juan Ramón Barreiro, Héctor Vidal, Araceli Pouso, Sebastián Jiménez e Raquel Hernández.
Realizaron a entrega Milagros Rey, presidenta de Ambar e Lidia Mariño, docente da formación. Tamén estiveron presentes Jaime Capilla, coordinador da formación; e Daniel Tojo, orientador laboral de Ambar.
O enfoque das accións que se levaron a cabo a través do programa foi ofrecer alternativas de formación dixital de maneira práctica, incrementar as posibilidades de accesibilidade dixital das persoas con diversidade funcional e romper os estereotipos existentes estas. Esta formación foi posible grazas ao financiamento da Fundación ONCE, dentro do seu programa Por Talento Digital (XTD).

PUBLICIDADE