Amosan no CES un smartphone con forma de reloxo de pulso

mércores, 8 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O Pine de Neptune está estes días presente no CES de Las Vegas

Tras conseguir unha magnífica resposta na súa campaña de micromecenado en KickStarter (multiplicaron por 8 as súas pretensións) Neptune segue adiante co seu dispositivo Pine, que en vez de ser un smartwatch pensado en comunicarse cun smartphone, integra as funcións propias do teléfono nun pequeno formato que permite levalo comodamente no pulso.
O produto está a piques de chegar ao mercado, e para dalo a coñecer, estes días está a amosarse no CES de Las Vegas, o que é unha excelente oportunidade para que este proxecto canadense se poña baixo os focos para demostrar o que poden dar de si os smartwatches de contar con suficiente potencia.
O Pine é un dispositivo cunha pantalla de 2,4 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles, que funciona cun procesador Snapdragon S4 de dobre núcleo a 1,2 GHz, 512 Mb de RAM, GPS, altofalante, micrófono, cámaras frontal e traseira (de 0,3 e 5 Mpíxeles respectivamente) e espazo para unha tarxetas microSIM, polo que podemos comparar as súas prestacións a un dos moitos smartphones con Android de baixa gama que os operadores de telefonía ofreceron nos últimos anos a prezos moi axustados (ou de balde), o que parece máis que suficiente para quen queira levar o móbil no pulso, aínda que coas limitacións propias dun tamaño de pantalla tan reducido (especialmente de cara á interacción táctil). Mide 66 x 53,5 x 14,2 milímetros, pesa 60,8 gramos (o seu corpo), conta con vibración (ideal para recibir alertas de xeito discreto), ten conectividade Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, NFC (o modelo de 8 Gb), USB 2.0 e 2G/3G, batería de 810 mAh (que permite ata 8 horas de conversa e 120 horas en espera) e espérase que saia á venda nos seus modelos con 8 Gb de capacidade + NFC ou de 16 Gb de capacidade por 335 dólares (246,27 euros), ou a 395 dólares (290,38 euros) para o modelo de 32 Gb de almacenamento interno.


Demostración en vídeo do Pine de Neptune

PUBLICIDADE