Amosan un prototipo de lector de libros electrónicos encartable

luns, 10 de agosto do 2020 Marcus Fernández

E Ink, a compañía detrás da tecnoloxía de papel electrónico da meirande parte dos lectores de libros electrónicos do mercado, podería revolucionar o seu sector grazas á súa tecnoloxía de pantallas flexibles, que xa está presente en prototipos moi prometedores que ofrecerían unha experiencia de uso que non só sería máis semellante á dun libro tradicional, senón que grazas a Wacom tamén sería como un caderno no que poder realizar anotacións.
O prototipo de E Ink que veu a luz estes días nun vídeo non só chama a atención por ser un eReader encartable, senón tamén polo seu deseño con iluminación superior (a retroiluminación presente en moitos eReaders actuais aínda non é posible en pantallas flexibles) e, aínda que presenta botóns laterais, tamén pode controlarse con toques e xestos en pantalla. Un produto que aínda ten moito que evolucionar antes de chegar ao mercado, pero que está a madurar a grande velocidade, de xeito que pronto poderiamos ver lectores de libros electrónicos que ao presentar dúas páxinas enfrontadas resultarían máis agradables para lectores afeitos aos libros tradicionais.

O prototipo de E Ink en acción

PUBLICIDADE