Android 13 permite configurar idiomas distintos para cada aplicación

martes, 16 de agosto do 2022 Marcus Fernández

A nova grande versión de Android xa é unha realidade, e os usuarios de dispositivos Pixel poden instalar Android 13 a partir de hoxe, mentres que nas vindeiras semanas chegará a dispositivos de Samsung, Asus, Nokia, Motorola, OnePlus, Oppo, Realme, Sharp, Sony, Vivo, Xiaomi e outras marcas. Entre as novidades do novo Android están a posibilidade de copiar contidos nun dispositivo Android e pegalo noutro cun único clic, máis funcións de personalización e un detalle que en Galicia non podemos pasar por alto: a posibilidade de configurar o idioma en cada aplicación.
Poder definir o idioma do sistema e de cada aplicación por separado é algo que agradecerán moitos galegos, xa que así moitos móbiles poderán configurarse en galego sen o problema que existe actualmente, ou sexa, sen que as aplicacións máis populares aparezan en inglés se queremos que o sistema estea en galego (cando moitos usuarios preferirían que o idioma secundario fose o español ou o portugués).
A nivel de seguridade Android 13 tamén permitirá limitar o acceso aos nosos documentos que damos ás aplicacións (ou sexa, que pode limitarse o acceso a unhas fotografías e vídeos específicos), evita accesos indesexados ao portapapeis (que podería aproveitarse para capturar información sensible) e mantén as notificacións baixo control (para recibir só as alertas que desexemos).
Android 13 adopta como estándar para o audio Bluetooth a súa variante de baixa enerxía, co que tamén reducen a latencia e poden enviar audio a varios dispositivos a un mesmo tempo.
Con pantallas grandes Android 13 tamén incorpora novidades na multitarefa, facendo máis doado utilizar aplicacións a pantalla partida; e separan os toques realizados cos dedos e con lapis dixitalizadores (evitando así marcas accidentais ao pousar a man na pantalla).

Poder configurar o idioma das aplicacións en Android 13 pode potenciar o uso do galego

PUBLICIDADE