Angry Birds Blast chega aos nosos dispositivos móbiles

mércores, 21 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Os paxaros anoxados de Rovio volven a casa polo Nadal, e en vez de agardar a mañá para a súa estrea, dende esta tarde xa podemos descargar de balde o novo Angry Birds Blast en Google Play e na App Store, un novo título cun estilo semellante a Bejeweled ou Candy Crush Saga que ten como protagonistas aos Angry Birds, aos que temos que liberar de globos de cores nos que os atraparon os malvados porcos verdes.
Esta aventura de quebracabezas con máis de 250 niveis consiste en localizar elementos adxacentes da mesma cor, para facelos esbourar, o que ocasiona explosións que fan desaparecer as burbullas, á vez que tamén dana o que estea ao redor, facilitando así conseguir os obxectivos de cada fase, que poden ser dende a liberación de certo número de paxaros de cores determinadas, a eliminación dos porcos verdes presentes ou algún que outro reto máis. Para facilitar a superación dos obxectivos tamén poderemos facer uso de potenciadores con efectos devastadores, deixando claro que estamos ante un título que segue claramente o modelo de negocio de Candy Crush, instando ao xogador a realizar micropagamentos para mercar contidos na aplicación ou, simplemente, para non ter que agardar para recuperar vidas e así poder seguir xogando tras fracasar nalgún nivel.
Angry Birds Blast conta con retos diarios para gañar recompensas e potenciadores, o que tamén facilita o asenso nunha clasificación global, aínda que de conectarmos a aplicación a Facebook teremos como engadido a posibilidade de poder desafiar aos nosos amigos para ver quen é mellor liberando paxaros.

O xogo mantén o desenvolvemento por niveis dos xogos tipo Angry Birds, pero con mecánicas propias do Candy Crush Saga
En Angry Birds Blast temos tanto que liberar aos paxaros atrapados como eliminar aos malvados porcos verdes

Tráiler de Angry Birds Blast

PUBLICIDADE