Anthem celebra a súa beta aberta esta fin de semana

venres, 1 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

O 22 de febreiro sairá á venda o xogo de Electronic Arts Anthem para PC, Xbox One e PS4, pero para saber o que ofrecerá este título de mundo aberto desenvolvido por Bioware podemos aproveitar que durante esta fin de semana está a desenvolverse a súa beta aberta.
Deste xeito podemos percorrer o Forte Tarsis, a cidade amurallada que será o noso fogar en Anthem, e onde atoparemos todo o necesario entre misión e misión e onde coñecer aos personaxes do xogo. Comezaremos como un piloto de nivel 10 coa alabarda (exotraxe acoirazado que confire habilidades sobrehumanas) que elixamos totalmente equipada, podendo desbloquear outra alabarda ao acadar o nivel 12, sendo o máximo nivel posible na beta o 15. Na Fragua poderemos personalizar as alabardas e mudas as matrices para equipar todo tipo de armas e equipos novos que se consigan nas misións. Tamén será posible comprar e equipar variantes estéticas.
Durante esta demo aberta poderemos lanzarnos ao mundo, completar misións e descubrir algúns dos segredos que agocha; coñeceremos ao arcanista Matthias, que encargarache unha expedición de tres partes para atopar unha reliquia moldeadora con poderes misteriosos. Tamén será posible explorar, voar e nadar no xogo libre e enfrontarse a desafíos que irán xurdindo ao atravesar unha zona do grande canon das fervenzas e as súas inmediacións. Incluso será posible afondar nun dos baluartes, alxubes de nivel avanzado para os que será preciso contar cun escuadrón completo.
Nestas primeiras aventuras poderemos comprobar como a fauna pode ser sumamente hostil, de xeito que haberá que atopar xeitos de librarse das súas ameazas (como atopar xeitos de extinguir as lapas de chuvias de lume que desatan unhas feroces criaturas voadoras).
En definitiva, temos a oportunidade de iniciarnos nunha proposta de xogo en liña moi ambicioso, contribuíndo de paso a que os responsables deste título poidan preparar os servidores de cara ao seu lanzamento definitivo. A beta aberta está dispoñible para a súa descarga en PC, Xbox One e PlayStation 4.

Vídeo promocional da beta aberta de Anthem

PUBLICIDADE