Anuncian Chromebooks orientados ao xogo na nube

martes, 11 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Nun momento no que están a preparar o cesamento do servizo de xogo na nube Stadia, Google sorprende anunciando os primeiros Chromebooks preparados para gozar do xogo na nube. Os novos portátiles de Acer, Asus e Lenovo estarían preparados para gozar dos xogos a través do servizo GeForce NOW de nVIDIA, do Xbox Cloud Gaming de Microsoft e do emerxente Amazon Luna, de xeito que poderían achegar unha experiencia próxima aos xogos de ordenador e consola en potentes equipos, pero en ordenadores modestos que poden primar factores como a seguridade e a autonomía. Tamén aseguran que estes equipos serán compatibles cunha chea de accesorios de Acer, Corsair, HyperX, Lenovo e SteelSeries que locen a certificación Works With Chromebook, conseguindo así unha experiencia de xogo moi rica.
Dos novos Chromebooks destacaría o Asus Chromebook 516 GE, equipo convertible cun procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM pantalla Full HD de 144 Hz, Wi-Fi 6 e altofalantes Harmon Kardon; mentres que o Asus Chromebook Vibe CX55 Flip e o Lenovo Ideapad Gaming Chromebook contarían con pantallas WQXGA de 120 Hz, o que segue a ser máis que suficiente para unha magnífica experiencia de xogo. Todos estes equipos son capaces de correr xogos a 120 imaxes por segundo cunha latencia de entrada por debaixo dos 85 milisegundos.

Vídeo no que presentan os novos Chromebooks preparados para o xogo na nube

PUBLICIDADE