Anuncian a primeira cámara que funciona oculta baixo a pantalla dos smartphones

luns, 8 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Os smartphones actuais están a esforzarse por atopar solucións para permitir que a súa parte frontal sexa todo pantalla, para o que desenvolveron solucións como lectores de impresións dixitais integrados na propia pantalla, altofalantes debaixo da pantalla ou nos marcos e solucións moi diversas para as cámaras, que van dende pestanas e perforacións, até cámaras periscópicas. Pero o fabricante Visionox vai un paso máis adiante, e anuncia a primeira solución de cámara baixo a pantalla que pasa a producirse en masa, de xeito que sería a primeira solución deste tipo en chegar a un smartphone comercial.
Para facer posible unha cámara que pode funcionar baixo a pantalla emprégase un panel OLED capaz de incrementar a súa transparencia na área da cámara, de xeito que no momento de disparar unha instantánea o obxectivo da cámara non estaría bloqueado polo contido en pantalla, e amosaría unha especie de fiestra virtual.
Esta tecnoloxía leva meses explorándose por parte de numerosos fabricantes, que como principal reto tiñan o conseguir que a zona transparente da pantalla non degradase demasiado a imaxe recollida polo sensor da cámara, para o que teñen que combinar hardware e software, especialmente para evitar que os propios contidos da pantalla interfiran no sensor da cámara.
A solución de Visionox recibe o nome de InV see, e falta por saber cal será o primeiro smartphone que a integrará, avanzando nunha dirección que resulta atractiva para a meirande parte de fabricantes que queren conseguir que os seus teléfonos teñan un deseño externo minimalista e limpo, no que os elementos tecnolóxicos sexan practicamente invisibles.

PUBLICIDADE