Anura, un cuadricóptero de pequenas dimensións que busca financiamento en Kickstarter

xoves, 23 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Os proxectos de micromecenado continúan a explorar o sector dos drons na procura de innovacións que permitan destacar e así conseguir o éxito, e nesta liña temos agora o Anura, que pretende ser un dron de peto asumible, para o que busca facerse con 100.000 euros para converterse nun produto viable.
Estamos ante un cuadricóptero en miniatura que busca ser económico, doado de manexar e controlado por un smartphone con iOS ou Android. Este trebello compacto integra unha cámara para tomar fotografías ou capturar vídeo e conta con Wi-Fi (para o control remoto e para poder transmitir en directo as imaxes que capta), que serían as súas prestacións básicas, aínda que de conseguir superar o milleiro de unidades encargadas a través do seu proxecto en Kickstarter procurarán engadirlle funcións de retorno ou aterraxe automática cun único clic, así como a posibilidade de que o cuadricóptero persiga ao seu usuario (ideal para a gravación de actividades deportivas).
Cómpre destacar que estariamos ante un produto moi limitado, xa que a súa cámara tería unha resolución de só 340 x 288 píxeles, control remoto a unha distancia de até só entre 18 e 27 metros e cunha autonomía de entre 12 e 16 minutos. Pouco máis que un xoguete que pode encargarse a un prezo de 275 dólares (241,18 euros cos gastos de envío incluídos), que os seus mecenas recibirán en abril de 2015.


Vídeo promocional do cuadricóptero Anura

PUBLICIDADE