Apple, Microsoft, Exxon e Walmart tamén terían vandalizado a Wikipedia

xoves, 30 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Non pasou aínda moito tempo dende que aos directores dos telexornais de dúas das máis importantes cadeas nacionais de televisión, ocorréuselles a idea de vandalizar a Wikipedia nunha tentativa de amosar a súa vulnerabilidade e, de paso, introducir outra nova ás esfameadas edicións de verán dos partes informativos.

Coma xa se comentara nun artigo de Código a semana pasada, un novo programa chamado WikiScanner é quen de amosar as modificacións que tiveron as entradas da enciclopedia en liña, coas correspondentes IPs dos “eruditos”. Pois grazas a esta aplicación e segundo o publicado nun artigo da CNN, as compañías ExxonMobil, Apple, Microsoft e Wal-Mart tamén terían levado a cabo estas operacións de “estratexia loxística” na Wikipedia co fin de mellorar a súa imaxe corporativa.

Mediante o uso do devandito programa púidose dar coas IPs de varios empregados das empresas devanditas, que non só modificaban de xeito favoritista as entradas nas que se falaba das súas compañías, senón que tamén modificaban desfavorablemente as entradas daquelas que falaban da competencia.

No artigo se explica que ademais das compañías en cuestión estarían implicados en procesos de autobombo e difamación virtual departamentos gobernamentais, forzas políticas, amais de diversos colectivos e ONGs.


PUBLICIDADE