Apple despídese dos iPod

martes, 10 de maio do 2022 Marcus Fernández

O éxito actual de Apple débese, en grande medida, ao que conseguiu con iPod hai máis de 20 anos, popularizando os reprodutores musicais compactos da compañía da mazá até converterse a súa marca nun substantivo (na liña do que aconteceu con Kleenex e Post-It), pero nos últimos anos os iPod eran produtos redundantes (outros dispositivos como os teléfonos e as tabletas contaban coas mesmas funcións) e mesmo obsoletos (especialmente dende o punto de vista de servizo de streaming (como Apple Music) de aí que anuncien a súa retirada do mercado.
Baixo o lema de «la música segue viva» dan conta do abandono dos iPod touch, produtos que seguirán a vender até fin de existencias (que no caso da súa tenda en liña limítase a produtos reacondicionados), deixando claro que a actual visión da compañía de Cupertino do mundo da música céntrase en Apple Music, nos dispositivos móbiles, nos auriculares sen fíos e incluso os altofalantes HomePod mini, que consideran «a solución perfecta para escoitar música na casa», destacando que custa 99 euros, que é moito menos do prezo de venda dun iPod touch.
Actualmente podemos atopar algún iPod Touch de última xeración novo en Amazon a prezos que deixan claro por que o produto xa non tiña saída comercial: o modelo de 32 GB custa 239 euros, o de 128 GB custa 349 euros e o de 256 GB custa 439 euros (cunha rebaixa de 20 euros).

PUBLICIDADE