Apple renova os seus MacBook Pro

martes, 13 de abril do 2010 Marcus Fernández

Esta tarde Apple pechou temporalmente a súa tenda en liña para reabrila coa renovación dos seus portátiles MacBook Pro, que nas súas versión de 15 e 17 polgadas incorporan procesadores Intel Core i5 e i7. Tamén é posible adquirir calquera dos equipos con unidade SSD de entre 128 e 512 Gb.
A partires de agora a familia dos MacBook Pro parte dun modelo de 13 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, cun procesador Core 2 Duo a 2,4 GHz, 4 Gb de RAM, tarxeta de vídeo nVIDIA GeForce 320M, disco duro de 250 Gb, SuperDrive 8x, AirPort 802.11n, Bluetooth 2.1, Gigabit Ethernet, webcam, 2 portos USB, FireWire 800 e lector de tarxetas SD a un prezo de 1.099 euros, quedando moi preto dos MacBook ordinarios no tocante ao seu prezo. Outro detalle rechamante do MacBook Pro de 13 polgadas é que a súa autonomía é dunhas 10 horas (reducíndose entre 1e 2 horas no caso dos equipos con pantallas de 15 e 17 polgadas).
Os equipos MacBook Pro que conten con dobre tarxeta gráfica (os modelos de 15 e 17 polgadas) contarán agora cun sistema autónomo de xestión das mesmas, de xeito que o equipo activará cada unha das tarxetas gráficas en función da potencia e consumo que mellor se adapte a cada momento.

PUBLICIDADE